A mina da Toca é unha escavación aurífera romana situada entre os pobos de Piñeira e Vilela. Preséntase como un impresionante corte na ladeira, de gran profundidade, no que aínda se poden ver restos das obras romanas de explotación, polo sistema de "Ruína Montium". Monte abaixo desta mina hai un gran mole de entullos, froito da explotación do ouro que encerraba. Podemos achegarnos a ela tomando a estrada Seoane-Samos, collendo o desvío que vai cara a O Poio.

No monte que se divisa alén do rio, á beira de Mostaz, está a mina do Turubio, de similares características pero de estrutura menos visible, que explotaba a mesma veta de mineral. Tras a conquista do noroeste da península ibérica, os Romanos buscaron a forma de explotar o ouro existente na zona, co fin de financiar o Imperio entre os séculos I e III d. C. A explotación mineira intensiva requiriu unha coidadosa planificación técnica e política para localizar e extraer o ouro, e obter así excelentes resultados.

Deste xeito, en Courel podemos atopar dous tipos de xacementos auríferos: primarios e secundarios. Nos primarios, o ouro aparece asociado a minerais de cuarzo que forman vetas e filóns, incluídos nas cuarcitas que forman parte destas montañas.

A Mina da Toca forma parte deste tipo de xacementos nos que o ouro era explotado mediante minas ao descuberto. Pola contra, nos xacementos secundarios, tipo pracer, o ouro está en depósitos fluviais pouco consolidados. Estes concéntranse, sobre todo, no val do río Sil.

En ambos os tipos de xacementos, os sistemas de explotación incluían o picado a man, a erosión superficial do xacemento mediante canles perpendiculares ás pendentes e o derrubamento de materiais por fórzaa da auga ou ruína montium.

No caso da Mina da Toca, a explotación é de tipo primario, ao descuberto. Apréciase con claridade, como para o seu aproveitamento, seguíronse os filóns de cuarzo aurífero incrustados na roca de xisto que forman parte da montaña na que se emprazan. Todos estes filóns auríferos foron intensamente explotados polos romanos noutros xacementos próximos, como demostran as explotacións de Torubio, encima das cales se sitúa o miradoiro desde o que se contempla con maior detalle a explotación da Toca.

Dende este miradoiro pódese distinguir a gran fenda, de aproximadamente 670 m de lonxitude, e que ascende desde a cota de 750 metros ata os 1.020 metros. Tanto a anchura como a profundidade da mesma varían ao longo deste impresionante corte.

Nesta mina consérvanse todas as estruturas empregadas polos romanos para a explotación do ouro usando a enerxía hidráulica: canles de distribución e explotación, depósito e corte de explotación, galería de minado e de prospección, roca abatida e preparada para moído, filóns de cuarzo e arenisca aurífera, embudes e canles de drenaxe.