Os Albares son construcións típicas da zona do Courel, que poden verse facilmente esparexidos pola paisaxe. Adoitan ser de forma circular e a súa función era a de defender as colmeas dos ataques dos osos.

Agora están en desuso por mor da progresiva desaparición do oso pardo nesta zona. A pesar deste desuso séguense conservando como arquitectura propia da zona.

Están construídas con rocas recollidas da contorna, concretamente lousas e xistos. Este tipo de material é fácil de obter, pois integra o substrato xeolóxico da comarca. Con estas lascas constrúese en cachotería en seco un recinto circular ou ovalado pechado de certa altura, próxima ao 2 m. Para o acceso ao interior, no muro dotábanse dunha estreita entrada que se pechaba mediante unha sinxela porta de madeira.

Teñen as pedras superiores intencionadamente saídas cara a fóra, para evitar que os osos puidesen rubir e acceder ao seu interior .

As dimensións destas construcións alcanzan facilmente magnitudes próximas aos 5-6 m. de diámetro para as circulares e os 12 por 6 m. para as ovaladas. De todos os xeitos, tamén ven algunhas de planta máis complexa.

A superficie interna da albariza ordénase en longas e estreitas terrazas graduadas onde se instalan as colmeas. A relativa abundancia destas construcións delata a importancia que antigamente debeu de ter nestas terras a apicultura.