Meiraos é o primeiro lugar que atopamos na estrada que vai de Seoane a Samos.

A pouca distancia do pobo (no chamado Campo de Meiraos) merece a pena visitar a igrexa, construída en 1614, cun elegante campanario, que foi restaurada recentemente.

Unha nave no lateral norte fai de pórtico de acceso ao templo. A porta exterior rematada en arco de medio punto está protexida por un pórtico con dúas columnas monolíticas de pedra.

Presenta unha alta torre de planta cadrada que alberga as campás e permite o paso inferior.

No interior conserva un retablo no que destacan os relevos duns músicos portando tambor, zanfoña e gaita.

Debaixo do coro atópase o osario, onde se depositaban os restos mortais recuperados do cemiterio.