Tómase o camiño na estrada LU-651 á saída de Seoane cara a Folgoso, á dereita tras pasar a última casa. Discorre pola marxe esquerda do Río Pequeno ata Paderne. Este era o vello camiño que comunicaba as aldeas da parroquia de Meiraos con Seoane, antes de ser construída a estrada.

Vai entre prados frondosos á nosa esquerda e un gran bosque de castiñeiros á dereita. O percorrido está salpicado de cabanas e " sequeiros" no bosque, e de pontes de madeira sobre o río. Os sucesivos desvíos que se van atopando á dereita levan aos lugares de Meiraos, Miraz e Vilasivil.

Ao chegar a Paderne collemos o camiño fronte á capela, polo fondo da aldea, que nos leva ata unha pista forestal que vai ata a Devesa.

O percorrido a pié Seoane-Paderne leva unhas 2 horas. Na devesa atoparemos unha gran masa arbórea composta de faias, teixos, acivros, bidueiros, carballos, e outras especies. Hai varias fontes: na zona superior está a fonte da Escrita e mais abaixo a da Valiña Ancha. Volvendo á pista podemos chegar ao alto da Escrita (1460 m.), desde onde hai unha impresionante vista do Caurel e concellos limítrofes.

O percorrido de Paderne á Escrita leva outras 2 horas. Esta pista enlaza con outra que vén de Seceda, á esquerda, e chega ata o Alto dá Pedra e Pedrafita do Caurel (dereita). Collendo a man esquerda hai un desvío a unha media hora que vai cara a Mercurín, desde onde podemos volver a Seoane polo antigo camiño que vai á Ferrería de Seoane, a 1 km. de Seoane. Seguindo sen desviarse a Mercurín, en 30 minutos hai un novo desvío á esquerda cara a Sobredo e Seceda.