Este roteiro comeza no pobo de Moreda, ata onde se pode ir en coche desde Seoane (7 km.). Pouco antes de chegar a Moreda está a aula da Natureza, onde podemos atopar información sobre varios aspectos do ecosistema do Caurel: xeoloxía, clima, vexetación, fauna, etc.

Á beira da aula parte o camiño que leva á entrada da Devesa. Tras percorrer pouco mais de 1 km. a pié, chegamos á devesa. O carreiro que a atravesa de abaixo a arriba ten unha forte pendente e tárdanse unhas tres horas en chegar á cima, á Fonte do Cervo.

Ao chegar a unha bifurcación, xa no cume, á esquerda da Fonte do Cervo, hai un carreiro que leva ao Monte Formigueiros (1654 m.). Á dereita sáese da Devesa e chégase a un cruzamento de pistas: a da dereita é o camiño que leva ao miradoiro de Pico Pulín; a que baixa, vai a Parada e Ferreirós; a que sobe á esquerda vai a cámpa de Lucenza.

Dende aquí hai unha pista á esquerda de Formigueiros e á dereita outro ao Pía Páxaro (6 km.), e de fronte cara abaixo, o camiño que leva ata a Lagoa de Lucenza (1420 m.), de orixe glaciar, e á Seara.

Desde as fontes ao miradoiro de Pico Pulín, leva uns 30 minutos. Desde o Miradoiro a Lucenza unha hora; e de Lucenza á Lagoa, outros 30 minutos.