A cova de Reibarba, situada nas proximidades do barrio do mesmo nome na localidade de Visuña, é menos coñecida que outras cavidades naturais da Serra do Caurel, como as de Ceza, Arcoia, Tralacosta ou a Buraca dás Choias.

A súa entrada é particularmente difícil de localizar, unha abertura de pouco máis dun metro de diámetro que está oculta nunha ladeira cuberta de vegetacion. Unha vez descuberta a boca da caverna, o percorrido polo seu interior non resulta moi problemático para as persoas habituadas ás prácticas espeleológicas.

Un dos treitos mais complicados é precisamente o da entrada, de tipo vertical, que obriga a facer un descenso coa técnica do rápel. Desta maneira accédese a unha galería principal con moitos pasos estreitos, subidas e baixadas. Desde esta sección é posible pasar a outras partes da gruta realizando ascensos con cordas.

O nivel de humidade da gruta non é moi elevado, o que facilita o desprazamento dos espeleólogos. A visita ten unha duración aproximada de catro horas. No interior da cova destaca a presenza de formaciónes calcáreas do tipo coadas, cunha vistosa coloración na que predominan os ocres.