Uxío Novoneyra nace en Parada de Caurel o 19 de xaneiro de 1930, nunha familia de campesiños de mediana fortuna.

Aos 15 anos trasládase a Lugo para concluír o seu Bacharelato. É entónces cando coñece ao poeta Manuel María. Do 1949 ao 1951 asiste en calidade de oínte a dous cursos na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Complutense de Madrid.

Cumpre o servizo militar en Santiago, A Coruña e Lugo. Na capital de Galicia toma contacto con Ramón Piñeiro, Carlos Maside, Otero Pedrayo e todo o grupo galeguista do Café Español e o Derby.

Do 1953 ao 1962 permanece no Caurel, afectado dunha afección pulmonar contraída nos cuarteis. É entón cando escribe "Os Eidos", así como a maior parte de "Os Eidos 2" e de " Elexías do Courel". Son estes os anos mais intensos en canto a actividade poética.

Unha vez reposto da súa enfermidade, volve a Madrid por espazo de 4 anos (1962-66), e traballa en televisión e radio, en emisións sobre poesía. Traba relación tamén co grupo "Brais Pinto" (Herminio Barreiro, Daniel Piñeiro, Bautista Alvarez, Xosé Fernandez Ferreiro, Bernardino Graña e Mendez Ferrín) e frecuenta o estudo do pintor Reimundo Patiño.

Volve ao Caurel en 1966, e reclúese na súa casa natal para atender aos seus pais na vellez e a enfermidade. Pouco despois morre o seu pai (José de Parada) e en 1973 morre a súa nai (Manuela de Neyra).

Casa e ten unha filla e dous fillos. Faleceu o 30 de outubro de 1999, tras vivir algúns anos en Santiago.

 

LIBROS PUBLICADOS

Os eidos (1955), Vigo

Os eidos 2.

Letanía de Galicia e outros poemas (1974) ,

Vigo Ed. Galaxia ISBN 84-7154-221-8

Poemas caligráficos (1979) Madrid,

Brais Pinto, ISBN 84-8517-105-5

Libro do Courel (1981)

Muller pra lonxe (1987) Lugo, ISBN 84-505-4535-8

Do Courel a Compostela 1956-1986 (1988) Santiago de Compostela, Sotelo Blanco ISBN 84-86021-80-4

O cubil de Xabarín (1990) Madrid, Edlevives : ISBN 84-263-1956-4

Tempo de elexía (1991) Oleiros, Vía Láctea ISBN 84-86531-58-6

Gorgorín e Cabezón (1992) Madrid,Edelvives, ISBN 84-263-2170-4

Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994) A Coruña, Espiral Maior ISBN 84-88137-39-7

Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (1998)

Dos soños teimosos Noitarenga (1998) Santiago de compostela, Noitarenga, ISBN 84-921096-5-3

Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998) Zaragoza, Edelvives, ISBN 84-263-3727-9

Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999) A Coruña, Hércules Ediciones, ISBN 84-453-2306-7

 

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!

Eiquí síntese ben o pouco que é un home...